VANESA SOTELO

(Cangas, 1981). Dramaturga, actriz e directora teatral. 

Titulada en Dirección escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galiza. En 2008 traballa como dramaturga residente para o Centro Dramático Galego coa creación de Estigma e en 2009 como artista residente para a mesma institución co proxecto Corpo-puta-vaca-berro.

 

En 2010 obtén o Premio do Xurado do IV Certame “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico con Indoor e o XIII Premio Josep Robrenyo con Memoria do incendio. En 2011 recibe o IV Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de Covardes.

 

En 2014 é seleccionada dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome:Bonita. Nese mesmo ano participa no proxecto internacional “365 Women a Year” con O retrato da sibila, centrada na figura de Maruja Mallo. En 2018, coa obra Índigo, participa dentro do ciclo de lecturas dramatizadas “Las Funciones por Hacer” do Pavón Teatro Kamikaze.

En 2018 a peza Nome:Bonita recibe o Premio Mondoñedo 10 á mellor obra teatral da década en lingua galega. Laica e Carioca son algunhas das súas últimas pezas editadas, xunto coa aparición de Campo de covardes no libro (Con)textos femeninos: antología de escritoras españolas editado pola profesora Erika Sutherland na editorial estadounidense Peter Lang.

 

Como directora teatral e dramaturga os seus traballos foron presentados en festivais internacionais de Galiza, Brasil, México ou Colombia. Entre os seus espectáculos como directora destacan Kamouraska e A illa das mulleres loucas, para Inversa Teatro así como Eila e Microspectivas dun marica millennial, para Incendiaria. De igual modo, traballou como asistente de dirección no Tartufo, do Centro Dramático Galego e, na actualidade, prepara unha nova creación -Espécies Lázaro- para a compañía portuguesa Teatro Art’Imagem. 

    Durante máis de dez anos, Vanesa Sotelo acumula experiencia como actriz na aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección de Roberto Salgueiro. De igual modo, participa espectáculos de diferentes compañías galegas como Ifixenia en Áulide, de Arela das artes baixo a dirección de Charo Amador; Diante do espello, de Fran Godón; ou Expostas, de Inversa Teatro con dirección de Carlos Álvarez-Ossorio.

    Actualmente, combina o seu traballo creativo na compañía Incendiaria coa faceta como docente en diferentes colectivos e institucións de Galiza e Portugal: profesora substituta na especialidade de dramaturxia na Esad de Galiza entre 2018 e 2020, tamén foi docente no Seminario de Interpretación do Máster de Artes Escénicas da Universidade de Vigo entre 2012 e 2013 e nos cursos de interpretación na UNED –Campus de Tui, así como formadora no grupo de teatro do Centro Cultural Camões en Vigo e do grupo teatral do IES As Barxas durante dez anos. Vanesa Sotelo foi ata outubro de 2020 a directora da erregueté – Revista Galega de Teatro. 

DAVIDE GONZÁLEZ

(Mos,1991). Actor, músico, compositor e director de escena

Licenciado en Interpretación xestual pola ESAD de Galiza, ten no seu haber unha continuada experiencia no ámbito das artes escénicas e da creación. O seu interese pola investigación nas artes vivas e as inquedanzas que amosa para coa creación escénica contemporáneas levárono a crear, xunto con Vanesa Sotelo, a compañía Incendiaria. Dita compañía estrea no 2018 a súa primeira montaxe profesional, Eila, coa que forma parte da programación do Vigo en Bruto (2018) impulsado polo Teatro Ensalle.

 

A súa última peza, Microspectivas dun Marica Millennial, coproducida polo CDG, e que naceu grazas ao apoio das III Residencias Paraíso, volve ser un espectáculo unipersoal e transdisciplinar no que abordan a identidade dende a persperctiva queer e LGBTIQA+. Estreada na Sala Ingrávida do Porriño, pasou polo festival USCénica e xa se compartíu no Auditorio Municipal de Cangas e no festival CoruFest da Coruña.

    Mostras do traballo como intérprete e músico de González son Puño, puñete e Pum,Pum! (Baobab Teatro); Eila, (Incendiaria), Microspectivas dun Marica Millennial (Incendiaria+CDG); As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (CDG), Carabela (Galeatro) ou O corazón de Auria (EscénaTe). Ademais, destacan as colaboración como cover nos espectáculos Resaca (Ilmaquinario Teatro), Luppo e Ris, Ras (Baobab Teatro).

 

Como director de escena, asina os espectáculos Carabela e Muiñada, de Galeatro.

 

Como compositor no eido do teatro crea a b.s.o para espectáculos como: Lázaro de Tormes (Pedras de Cartón); O mel non caduca, (Ibuprofeno Teatro); Invisibles, Contos do Recreo e O mozo da última fila (Redrum Teatro); Ris, Ras!, Puño, Puñete! e Pum, pum!, (Baobab Teatro); Microspectivas dun marica millennial e Eila, (Incendiaria); Carabela e Muiñada (Galeatro); O raro é que bailar sexa raro, (Colectivo Vacaburra).

No panorama audiovisual forma parte do elenco do filme María Solinha, (Vía Láctea), das series web Dalle Jas! (Audiobeesual), Interfecto (UVIGO) e A Partida (VouFilms).

    Cunha formación activa, diversa e multidisciplinar, destacan os obradoiros, realizados xunto a profesionais das artes escénicas como Alfredo Sanzol, Laila Ripoll, Iñaki Moreno, Fernando Lázaro, Iker Gómez, La Macana, Oguri e Roxanne Steinberg, Marco Layera, Marta Pazos, Miguel Cubero, Daniel Abreu e Mónica García (Matarile). 

  • Incendiaria
  • Incendiaria
This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now