VANESA SOTELO
(Cangas, 1981). Dramaturga, actriz e directora teatral.


M I C R O S P E C T I V A S
D U N
M A R I C A
M I L L E N N I A L

DIRECCIÓN
Vanesa Sotelo
IDEA ORIXINAL
Davide González
DRAMATURXIA
Vanesa Sotelo/Davide González
INTERPRETACIÓN
Davide González
ILUMINACIÓN
Laura Iturralde
ESPAZO ESCÉNICO
Carlos Alonso
INDUMENTARIA
Carlos Alonso/Davide González
SONOPLASTIA
Davide González
VÍDEO EN ESCENA
Laura Iturralde
FOTOGRAFÍA
Laura Iturralde/Lucía Estévez
VÍDEO PROMOCIONAL
Lucía Estévez
VOZ EN OFF
Eduardo Cunha-“Tatán”
FOTOGRAFÍA: Laura Iturralde
Microspectivas dun marica millennial é un proxecto apoiado polo Colectivo RPM dentro das III Residencias Paraíso 2019
e coproducido polo Centro Dramático Galego.
Microspectivas dun Marica Millennial é un espectáculo íntimo e cargado de poesía desde o que cuestionar certezas impostas que predestinan a construcción da identidade. A partir da música e as artes do movemento, MMM ofrece un espazo de transo no que redescubrir as raíces e refundar o presente. Coa reivindicación da propia identidade e a memoria como principal motor para a toma de consciencia e como impulso creador, o resultado da peza é unha viaxe sensorial que camiña polos lindes da performance, a instalación, a música, as artes do movemento e a creación escénica contemporánea.
Cartaz: Lucía Estévez

Texto da directora sobre o espectáculo
Microspectivas dun marica millenial é unha retrospectiva; unha viaxe fascinante á intimidade dunha marica galaica. Memoria e historia son as grandes ideas que guiaron tanto o proceso como o resultado final do proxecto. Precisamente, foi a memoria das accións, dos movementos, da música e das imaxes da infancia de Davide González a que permitiu xerar o material que acabou por transformarse en escena nunha toma de consciencia e na reivindicación do propio. O título do espectáculo condensa os elementos sobre os que se constrúe: microspectivas-deconstrución, marica-identidade e millennial-perspectiva histórica. Así, a palabra ‘microspectiva’ contén a idea de xogo e do poder de (re)inventar as palabras para conseguir mudar a perspectiva sobre o mundo. Ademais, o feito de substituír ‘retrospectiva’ por ‘microspectiva’ permitía manter a idea de viaxe no tempo que nos interesaba á vez que colocaba o foco sobre o pequeno, sobre o detalle, sobre o local e o individual. Despois de todo, o local é global e os pequenos xestos individuais poden traer grandes repercusións colectivas. Por outra parte, a palabra ‘marica’ concentraba a vontade de facer visible unha identidade perseguida, de (des)estigmatizar unha forma de construírse en relación cos demais e de ofrecer referentes á hora de revisar e contar a(s) Historia(s). Finalmente, a palabra ‘millennial’ permitiunos pensar a época e deu xogo á hora de ampliar o percorrido histórico de ‘adiante atrás’ que propón a retrospectiva. Deste modo, entre a pasaxe biográfica e a cita histórica, combinando e apelando a diversas xeracións, a peza lanza unha mirada do presente cara ao pasado para entender a razón de ser da sociedade actual pero tamén do futuro sobre o presente para desafiarnos a pensar que modelo de sociedade queremos construír. Por último, asistir á Microspectivas dun Marica Millennial é un convite para compartir a intimidade colectiva a través da acción escénica (vital e política) de Davide González que a iluminación de Laura Iturralde e o espazo de Carlos Alonso abrigan nun dispositivo escénico compacto, resultado dun proceso horizontal. Ese era outro dos desafíos:
difuminar as barreiras á hora de facer e crear un terreo de liberdade.

Unidade Didáctica.
As persoas interesadas en compartir este traballo na aula poden contactar coa compañía a través do mail.
