A    C O M P A Ñ Í A

Incendiaria é unha plataforma artística nacida en 2014- como laboratorio de creación- e composta por Vanesa Sotelo e Davide González, que fundamenta o seu traballo na investigación e na creación escénica contemporánea.

No 2014, traballan a partir da peza Memoria do Incendio, de Vanesa Sotelo para reparar na construción da personaxe a partir do traballo co corpo. No 2016, dende ese traballo de laboratorio propio de creación e investigación, xorde a peza Contramateria, unha proposta fundamentada no estudo do tempo en diversas accións escénicas.

No 2018, Incendiaria estrea a súa primeira montaxe profesional, Eila, coa que forma parte da programación do Festival Vigo en Bruto, impulsado polo Teatro Ensalle.

 

O seu segundo espectáculo profesional, Microspectivas dun Marica Millennial, foi unha coprodución do Centro Dramático Galego e naceu dentro das III Residencias Paraíso grazas ao apoio do Colectivo RPM. Con dito espectáculo, Incendiaria recibíu as súas primeiras 4 nominacións nos XXV Premios María Casares (Mellor Iluminación, Mellor Texto Orixinal, Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo), resultando gañadoras de dous galardóns nas categorías de Mellor Texto Orixinal e Mellor Actor Protagonista. Microspectivas dun Marica Millennial percorreu festivais internacionais de teatro e espazos de exhibición dentro do noso país como por exemplo: Festival Internacional de Teatro E-AQUÍ-IN-OCIO (Povoa do Barzim- Portuga)l, Festival Corufest (A Coruña), I Ciclo deDanza e Artes do Movemento na Sala Ártika (Vigo), Festival USCénica (Santiago de Compostela), Centro Cívico Cultural de Arteixo, Auditorio Municipal de Cangas, etc.

A terceira montaxe de Incendiaria, A lúa vai encuberta, é unha coprodución coa compañía A Quinta do Cuadrante, formada por Melania Cruz e Tito Asorey. A lúa vai encuberta recibíu o II Premio de Proxectos Teatrais Manuel María que impulsa a Fundación Casa Museo Manuel María de Estudos Galegos e desde a súa estrea, en setembro de 2021, sigue percorrendo a xeografía galega despois de ter realizadas máis de 30 funcións. A lúa vai encuberta é unha coprodución de Incendiaria, A Quinta do Cuadrante, Fundación Casa Museo Manuel María, Centro Dramático Galego, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e as Deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña. Recentemente, A lúa vai encuberta vén de ser recoñecida con
7 nominacións aos XXVI Premios de Teatro María Casares que outorga a AAAG:
Mellor Iluminación, Mellor Música Orixinal, Mellor Adaptación, Mellor Actor Protagonista, Mellor Actor Secundario, Mellor Dirección e Mellor Espectáculo.

A lúa vai encuberta é Premio María Casares a Mellor Adaptación (Vanesa Sotelo)

Ademais das actividades na propia compañía, na primavera do 2021, as integrantes de Incendiaria foron convidadas pola compañía portuguesa Teatro Art’Imagem para levar a cabo a proposta escénica do espectáculo Especies Lázaro, tendo como responsable do texto orixinal, da dramaturxia e da dirección a Vanesa Sotelo, e como intérpretes a Pedro Carvalho, Flávio Hamilton e a Davide González. Este espectáculo fixo temporada de exhibición no Auditorio da Quinta da Caverneira en Maia (Portugal), na MITCF de Cangas e no último trimestre deste ano percorrerá espazos de exhibición tanto en Portugal como no estado español (Badajoz, Almada, Sintra, Algarve, Madrid, etc)

Incendiaria é unha plataforma artística que despois de 8 anos en efervescencia e desde fai 4 en eclosión e expansión, conta xa cunha equipa de profesionais estable e consolidada que se enriquece coas colaboracións específicas de cada novo proxecto.

O calendario de Incendiaria esténdese nestes momentos ata o 2026, ano no que ten programada unha coprodución internacional xunto coa compañía portuguesa Teatro Art ́Imagem.

Incendiaria ten prevista a estrea da súa cuarta produción, Magma, en marzo de 2023. A equipa artística desta montaxe estará formada por Vanesa Sotelo, Davide González, Laura Iturralde, Carlos Alonso e Joana Castro.

Magma é unha comedia distópica sen humanidade, é dicir, sen seres humanes. Nela, o monstro habita un mundo hostilmente feliz no que o persegue desvelar o mesmo enigma que o público: saber cal é a realidade á que pertence.